Tuesday 07 de May de 2024

A Rede de Calidade do Aire da Xunta incorpora dúas estacións de control para mellorar a cobertura xeográfica dos datos relativos a contaminantes


— A nova instalación do Parque da Cega, en Meicende, está xestionada pola empresa Repsol, e a outra, localizada na Escola de Música de Burela, vén substituír á estación do Monte Pedrouzo como unha das tres que ten asignadas Alcoa-San Cibrao

— Ambas infraestruturas teñen analizadores automáticos para medir en aire ambiente o dióxido de xofre, monóxido de carbono ou ozono, entre outros, información que comunican en tempo real á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

A Rede de Calidade do Aire de Galicia, xestionada pola Xunta, acaba de incorporar dúas novas estacións de control que permitirán optimizar a cobertura xeográfica dos datos de contaminantes no aire ambiente co obxectivo final de conseguir unha mellora na protección da saúde das persoas.

Desde esta semana, xa están operativas a estación do Parque da Cega, en Meicende, clasificada como de tipo industrial suburbana e asignada á empresa Repsol; e tamén a da Escola de Música de Burela, unha instalación de fondo rural xestionada por Alcoa-San Cibrao que vén substituír á situada no Monte Pedrouzo, ofrecendo unha localización moito máis vantaxosa, en pleno núcleo urbano.

Ambas estacións cumpren coa función de protexer a saúde das persoas. De feito, están asignadas a Alcoa e a Repsol xa que polos seus propios procesos produtivos, son susceptibles de afectar á calidade do aire da súa contorna polo que se realiza un seguimento a tempo real da súa actividade a través deste tipo de instalacións.

Deste xeito, o complexo industrial de Alcoa-San Cibrao conta coas estacións de Río Cobo e de Xove, ás que se vén de sumar desde hai uns días a da Escola de Música de Burela, situada a uns 8 km ao este da fábrica. En canto a Repsol, a nova instalación do Parque da Cega reforzará a de Pastoriza e a do Centro Cívico, todas elas en Arteixo. A nova estación está situada ao sueste do complexo industrial de Repsol, a apenas 500 metros.

Son as propias instalacións industriais as encargadas de realizar o mantemento das estacións de control que teñen asignadas, mentres que os técnicos da Rede de Calidade do Aire da Xunta realizan un sistema de seguimento das estacións privadas para que subministren a información referente á calidade do aire cos mesmos estándares que as instalacións públicas, é dicir, os esixidos na normativa.

Cómpre recordar que a Rede de Calidade do Aire de Galicia está integrada por un total de 49 estacións de control fixas e móbiles das cales 15 son de titularidade pública e as 34 restantes, privadas.
Todas estas estacións —que abranguen distintas tipoloxías, como de tráfico, industriais e de fondo— avalían diferentes factores que afectan á calidade do aire, dependendo da súa situación e da poboación á que representan.

As dúas últimas estacións en integrarse na rede galega contan con analizadores automáticos para a medida dos distintos contaminantes en aire ambiente —os principais son o dióxido de xofre, o dióxido de nitróxeno, o monóxido de carbono, o ozono, e o material particulado PM10 e PM2.5— que emiten un dato cada 10 minutos e son recibidos en tempo real na Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que os publica na páxina web de MeteoGalicia para a súa consulta por parte da cidadanía

A incorporación de novas estacións así como a renovación da certificación de calidade ISO da Rede de Calidade do Aire enmárcanse no obxectivo da Xunta de seguir mellorando a cobertura xeográfica e polo tanto, tamén a información que subministra aos cidadáns en relación a estes parámetros. De feito, Galicia mantén desde hai anos unha boa calidade do aire e conta cun dos mellores sistemas de control e vixilancia de toda España, unha posición consolidada grazas a un proceso continuo de renovación e mellora da súa rede.

Ademais, todas as accións da Xunta nesta dirección están coordinadas coa Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e coa Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030, aprobadas no ano 2019 e que contemplan un amplo abano de medidas cunha influencia directa ou indirecta sobre a calidade do aire.

Novo contrato para mellorar as redes de observación de aire e ruído
Por outra banda, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de licitar, dividido en cinco lotes, un contrato por un importe de 500.000 euros para a adquisición de novas unidades coas que mellorar a estrutura das redes de observación ambiental de aire e ruído. Deste xeito, a Xunta poderá contar en 2022 con novos dispositivos para medir a contaminación acústica e a concentración de gases e de partículas no aire ambiente.

Así, a través deste contrato prevese dispoñer de 17 novos analizadores automáticos de contaminante gaseosos no aire, para controlar os niveis de dióxido de nitróxeno e óxidos de nitróxeno, de monóxido de carbono, de ozono e de dióxido de xofre; dun analizador automático de medida de benceno e doutro para o control da fracción da PM2,5 no aire ambiente; e dun captador gravimétrico secuencial de partículas PM10 e PM2,5.

A Consellería tamén quere consolidar a rede de observación dos niveis de ruído en certas zonas de Galicia, polo que o últimos dos lotes pretende a obtención de oito sonómetros, para coñecer o nivel de presión sonora ambiental.